I. Disposiciones generales. JEFATURA DEL ESTADO. Constitución Española. (BOE-A-2024-3099)
Reforma del artículo 49 de la Constitución Española, de 15 de febrero de 2024.
10 páginas totales
Página
BOLETÍN OFICIAL DEL ESTADO
Sábado 17 de febrero de 2024

Sec. I. Pág. 19468

CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA
Reforma do artigo 49 da Constitución española, aprobada polas Cortes
Xerais, en sesións plenarias extraordinarias do Congreso dos Deputados, do
18 de xaneiro de 2024, e do Senado, do 25 de xaneiro de 2024. Sancionada
pola súa maxestade o rei o 15 de febreiro de 2024.
PREÁMBULO
A Constitución española de 1978 consagra a dignidade da persoa e o libre
desenvolvemento da personalidade como claves de bóveda do noso Estado social e
democrático de Dereito. Unha das plasmacións concretas desta configuración é o seu
artigo 49, dedicado especificamente á protección das persoas con discapacidade.
Este precepto situou no seu día a España na vangarda da protección deste colectivo,
ao recoñecerlles expresamente a plenitude dos dereitos previstos no Título I da
Constitución e establecer un mandato de protección dirixido a todos os poderes públicos.
Por outra banda, o devandito artigo despregou unha notable influencia na actuación dos
poderes públicos e foi obxecto dun considerable desenvolvemento lexislativo.
Nos últimos anos, a protección das persoas con discapacidade viuse impulsada polo
Dereito Internacional e ten como eixo central o contido da Convención sobre os dereitos
das persoas con discapacidade, feita en Nova York o 13 de decembro de 2006, ratificada
por España o 3 de decembro de 2007 e en vigor desde o 3 de maio de 2008.
Durante os últimos anos produciuse a adaptación de lexislación interna, tanto a estatal
como a autonómica, á normativa internacional. Esa tarefa plasmouse particularmente, a
nivel nacional, na Lei 26/2011, do 1 de agosto, de adaptación normativa á Convención
Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, e no texto refundido da
Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado
mediante o Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro. Máis recentemente, na
Lei orgánica 2/2018, do 5 de decembro, para a modificación da Lei orgánica 5/1985, do 19
de xuño, do réxime electoral xeral para garantir o dereito de sufraxio de todas as persoas
con discapacidade e na Lei 8/2021, do 2 de xuño, pola que se reforma a lexislación civil e
procesual para o apoio ás persoas con discapacidade no exercicio da súa capacidade
xurídica.
Paralelamente, a sociedade civil articulada ao redor das persoas con discapacidade
veu expondo aos poderes públicos a necesidade de acomodar o artigo 49 da
Constitución á realidade social e á normativa internacional. Neste ámbito, ten unha
relevancia fundamental a tarefa realizada polas organizacións representativas, que
desempeñan un papel esencial no cumprimento das obrigacións que a Constitución e as
leis impoñen aos poderes públicos. Así mesmo, no seo da sociedade española avanza
claramente o recoñecemento das necesidades específicas das mulleres e os menores
con discapacidade.
No contexto descrito, resulta patente que a redacción orixinal do artigo 49 da
Constitución española de 1978, que plasmou o compromiso do constituínte cos dereitos
e liberdades das persoas con discapacidade, precisa dunha actualización en canto á súa
linguaxe e contido para reflectir os valores que inspiran a protección deste colectivo,
tanto no ámbito nacional como internacional.

cve: BOE-A-2024-3099
Verificable en https://www.boe.es

Núm. 43